4 de diciembre de 2007

A pé de aula.




O papel das novas tecnoloxías da información e da comunicación no ámbito escolar é un tema de actualidade que suscita tantos posicionamentos diferentes como maneiras temos de entender os conceptos de ensinar e aprender. Despois da dotación de medios tecnolóxicos á escola durante os últimos anos, cabe preguntarse si esa informatización está a supoñer unha mellora cualitativa do proceso de ensinanza-aprendizaxe ou simplemente nos quedamos en usar os ordenadores para ensinar ós alumnos/as a sumar como si o fixeran con lapis e papel.
En boa medida, o debate céntrase en aspectos como o número de alumnos por ordenador, a distribución do insuficiente material sen criterio pedagóxico consensuado e axustado ás necesidades, a elección de software comercial ou libre, a informática como asignatura, a formación do profesorado nesta materia... Non son problemas menores pero creo que non son o problema.
No decreto que regula as ensinanzas da educación secundaria na nosa comunidade fálase da necesidade de que estas tecnoloxías se incorporen como un recurso máis ó proceso de ensino e aprendizaxe para que os alumnos/as acaden unha competencia dixital que lles permita dispor de habilidades para buscar, obter e procesar a información para transformala en coñecemento. Con todo, a día de hoxe, bótanse en falta estratexias de coordinación para aproveitar e dar a coñecer os recursos xa existentes, a dotación de ordenadores suficientes en tódalas aulas e unha consideración especial na dotación e acceso a esta ferramenta polos alumnos e alumnas con necesidades específicas de apoio educativo, entre outras moitas cousas. As tecnoloxías non deberían chegar á escola só para que os alumnos aprendan a utilizalas, se non para convertelas nun instrumento fundamental da práctica educativa que, coa incorporación progresiva de iniciativas pedagóxicas e cambios na metodoloxía, lles permita, dende unha actitude diferente ante o traballo e o estudio, aprender e manexarse en tódolos contextos.
Neste sentido estanse a producir interesantes aportacións de moitos profesionais ó traballo de aula, nun intento de rentabilizar a tecnoloxía en beneficio da aprendizaxe, sobor de todo na do alumnado con necesidades educativas específicas. O software educativo e os programas de autor utilizados por moitos de nós para crear actividades "á medida", ofrecen moitas vantaxes como bos presentadores de asociacións e administradores de reforzos, permitíndonos motivar e axustarnos ás súas necesidades de aprendizaxe con tarefas, en especial ás de tipo memorístico, asociativo ou que requiren da práctica repetida para acadar axilidade e automatismos. Mais, si non responden a unha planificación coordinada do conxunto das tarefas, si non se integran no contexto no que se aplican e non interactúan con outros medios, difícilmente crearán melloras substanciais no xeito de procesar a información e na aprendizaxe. Constátase que as novas tecnoloxías empezan a formar parte da práctica educativa cando, despois dunha primeira fase de aprendizaxe do uso básico e de adaptación, chegamos a apropiarmos delas experimentando novas maneiras de traballar didacticamente facendo cousas que sen a tecnoloxía non serían posibles.
Lonxe de insistir na súa dispoñibilidade e o seu potencial, deberiamos incidir nas estratexias didácticas, nos materiais de aprendizaxe, nas capacidades de búsqueda planificada... É inútil seguir machucando certos conceptos dende metodoloxías obsoletas e pouco axustadas á realidade diversa que por obriga escolarizamos. A información e os recursos están na rede. Só temos que manexalos para que nos permitan ofertar materiais máis completos que á súa vez posibiliten achegamentos ós contidos: imaxes, sons, vídeos... fan que os alumnos/as con diferentes ritmos de aprendizaxe se acheguen ós mesmos dunha maneira máis significativa. Precisamos ir máis alá das puntuais, e non sempre ben consideradas, experiencias de aula dun reducido número de profesores/as entusiastas. O ordenador e un medio máis da aula que debe interactuar e convivir con outros medios para permitirmos acadar unha formación integral posibilitadora de novas aprendizaxes e capaz de dar respostas axeitadas ós retos da sociedade do futuro.
De seguro que coa prescritiva elaboración do Plan de integración das novas tecnoloxías e a sensibilidade, compromiso e xestión dos responsables desta materia na Administración e nos centros educativos, seremos quen de escolarizar a informática despois de informatizar a escola. Entre tod@s e en beneficio de tod@s. José R. Vidal