7 de diciembre de 2008

Diversidade de tics


A actual lexislación educativa establece que a educación obrigatoria organízase de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade, definindo medidas orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da educación secundaria obrigatoria que non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente. Entendo, xa que logo, que por diversidade referímonos ó conxunto do alumnado, necesitado en maior ou menor medida, dunha ou doutra atención en función das súas necesidades educativas. Dentro deste contexto, o alumnado con necesidade específica de apoio educativo é unha parte da diversidade que precisa de medidas máis puntuais para dar respostas ás súas necesidades tanto intelectuais como personais ou emocionais. De ningún modo se entende que eles son, en exclusiva, a diversidade referida, como parece deducirse de algún contexto administrativo, editorial ou de centro.
Considero que a diversidade é inherente á escola obrigatoria e o punto de partida da acción educativa. A resposta que a escola de calidade, no exercicio da súa autonomía pedagóxica, debe dar á diversidade que por obriga escolariza con leva, ademais de medidas, unha serie de plantexamentos organizativos e actitudinais que deben seren asumidos por toda a comunidade escolar. Ten que ser unha resposta de Centro recollida nun Proxecto educativo, respetuosa co principio de non discriminación e de inclusión educativas, dirixida a tódolos alumnos/as coa participación de todo o profesorado, sen limitarse ó trato por especialistas cos alumnos/as con necesidades educativas especiais e que entenda a atención á diversidade como un continuo de medidas aplicables en diferentes momentos ó conxunto do alumnado, e non como compartimentos estancos sen fórmulas de participación, coordinación, avaliación e transferencia de experiencias.
Nesta tarefa de prestar unha atención de calidade á diversidade educativa, persoal e social do noso alumnado, as novas tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas ó traballo de aula son, hoxe por hoxe, unha peza clave na súa formación, sobre todo si temos en conta que son usuarios habituais de todo tipo de tecnoloxía na súa vida cotiá cun dominio superior, en moitos casos, ó do profesorado, polo que deberiamos incorporalas á nosa metodoloxía de traballo para aumentar as posibilidades didácticas e acadar maior participación nun ensino máis personalizado e colaborativo.
Neste senso, o prescriptivo Plan de integración das tecnoloxías a nivel de centro e de aula, para seren efectivo, debería contar coa participación activa de todo o equipo docente, e empezar por coñecer as necesidades de formación do profesorado (sobre todo si temos en conta a escasa presencia que parecen ter nos novos plans de estudos) e divulgar e poñer en valor o que xa se está a facer ó tempo que recoller e propoñer iniciativas pedagóxicas ou cambios metodolóxicos que supoñan unha mellora do procesos de ensino e aprendizaxe.
Conscientes das vantaxes que para o traballo co alumnado con necesidades educativas supoñen as novas tecnoloxias, na nosa aula de apoio e recursos educativos vimos recollendo e utilizando dende hai algún tempo unha serie de ferramentas de autor e recursos web que nos permiten personalizar a atención e axustar a nosa intervención ás súas necesidades de formación, e que damos a coñecer por si foran de utilidade para a comunidade educativa:


Non creo que as novas tecnoloxías sexan a panacea nin a sala de urxencias do sistema, nin que haxa que rexeitalas por norma (como comenta o compañeiro Antonio Solano no seu Repaso de lengua), ou supoñan quedarnos sin cobertura legal por tentar aprender facendo e non cumplir cos currículos ou programacións dos departamentos (como comenta Anibal de la Torre na súa bitácora), pero sí unha ferramenta máis de uso cáseque obrigado nos tempos que corren, ben aceptadas polo alumnado e que poden convivir perfectamente coa pizarra de xiz, co lapis e co papel. Creo que calquera tempo educativo pasado foi peor e que, apesares de que a meirande parte dos problemas escolares que vivimos nas aulas son alleos á escola, non podemos fracasar na tarefa de limar as desigualdades de partida e espertar en cada un dos nosos rapaces e rapazas as súas mellores facultades. O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade e definindo a función e coordinación de tódolos profesionais necesarios para acadar unha resposta educativa de calidade ás necesidades de formación. As posibilidades sempre superan ás limitacións.



Pedagoxía terapéutica.