26 de abril de 2009

Competencias básicas

"La inteligencia consiste no sólo en el conocimiento, sino también en la destreza de aplicar los conocimientos en la práctica." (Aristóteles).

Juan Poza recolle no seu Blog "O profe de ciencias" unha serie de documentos sobre as competencias básicas que me parecen de interese e que paso a relacionar. Parabéns, Juan, polo teu traballo.
  • Oito de tipos de aprendizaxes
  • Avaliación das competencias


24 de abril de 2009

Apture: selecciona, engade e visualiza enlaces




Apture é un pequeno programa (script) que instalado no noso blog ou web de aula, permítenos escoller entre unha serie de enlaces (textos, imaxes, sons, vídeos, mapas, presentacións...) relacionados co texto que seleccionemos e que se engaden automaticamente ao mesmo (por suposto que nós tamén podemos engadir os enlaces que queiramos alleos ao programa). As vantaxes educativas son importantes, xa que ao podelos visualizar sen saír da páxina, permítenos centrar a atención evitando distraccións coa publicidade ou cos enlaces non relacionados coa tarefa.

Velaquí algúns exemplos de enlaces de video, son, imaxes ou presentacións.

A súa instalación en Blogger é moi sinxela xa que está totalmente automatizada. Angel Puente explícanos como facelo nesta entrada do seu blog.


15 de abril de 2009

Inflación educativa.


Estamos a vivir un proceso de inflación educativa? Por que agora se precisa un máster onde antes chegaba cunha licenciatura? Fracasan na vida os nenos que fracasan na escola? O traballo das competencias básicas e os programas de cualificación profesional, van na boa dirección? A metodoloxía das novas tecnoloxías ten a suficiente implantación como para modificar o proceso de ensinanza e aprendizaxe en beneficio dunha formación que dea respostas as esixencias dos novos tempos? Empeora a formación dos alumnos/as apesares da mellora do seu nivel de vida e dos seus recursos tecnolóxicos? Medran o desinterese, a desidia, o fuxir das dificultades buscando sempre a gratificación inmediata e o mínimo esforzo? Estanse a producir cambios importantes e desaparecendo límites necesarios?

Talvez mudou a esencia da educación, primando a aplicación mecánica do currículo, e o axuste estatístico e utilitarista dos resultados, sobre a formación integral das persoas. Quizais a atención á riqueza da diversidade remata creando grupos homoxéneos para seguirlle o ritmo á xerarquía de materias e contidos, relegando a un segundo plano a igualdade de oportunidades, a ensinanza personalizada, o axuste aos niveis de compresión e a concreción dos obxectivos.
Con tanta especialización, con tanta información, con tanta carreira contra o tempo seguindo a corrente de turno, quizais os pais e nais volvéronse inseguros, indecisos, sen autoridade e delegaron funcións, “conscientes” de que pouco tiñan que facer en materia educativa. Quizais debamos esixir agora máis que nunca, a súa participación e colaboración pola importancia da súa función educadora?
Nesta sociedade do benestar, que fai de nós auténticos robots das aparencias, e máis aló dos interesados e enxeñosos xogos de palabras dos malabaristas dos conceptos e da sintaxe que fan que todo luza apesares da evidencia dos resultados, o feito é que cada quen, segundo a súa respectiva cota de responsabilidade, debe analizar onde ten que incidir para, entre todos, dar as respostas que a diversidade académica, persoal, social e actitudinal precisan.
Probablemente debamos replantexarmonos o xeito de traballar na escola, algúns principios do noso sistema educativo, social e familiar e prestar máis atención ao conxunto das capacidades e posibilidades humanas dentro dun contexto de formación máis integral para non fracasar na tarefa de espertar en cada un dos nosos rapaces e rapazas as súas mellores facultades. O reto consiste en ser quen de ofertar a cada un a axuda que precisa, axustando a intervención educativa á individualidade para acadar persoas libres con capacidade de enfrontarse e dar solucións aos retos dos novos tempos. O feito de que os desaxustes, as discrepancias e a falta de consenso sexan habituais e fagan difícil o labor diario, non debe desanimarnos nin xustificar actitudes conformistas ou pasivas, senón que debe entenderse como un atributo permanente deste labor na procura dunha sociedade máis xusta e respectuosa coa diversidade.

Son algunhas das reflexións que se me ocorren logo de escoitar a Ken Robinson neste vídeo subtitulado que segue, "¿matan las escuelas la creatividad?”.




Video orixinal