25 de diciembre de 2009

Boas prácticas educativas

Con frecuencia pregúntome cales son as razóns polas que boa parte do alumnado da ensinanza secundaria obrigatoria mostra desinterese, apatía ou aversión por todo o que significa traballo escolar, formación ou cultura, chegando, en ocasións, a situacións de abandono escolar sen ter acadada a titulación correspondente. Tampouco observo moito interese e compromiso entre os que promocionan e non engrosan as estatísticas de fracaso, limitándose a cumprir un trámite imposto que parece non estimulalos nin satisfacer ningunha expectativa vital, sendo presa fácil de ofertas ou alternativas non ligadas ao estudio ou á formación futuras.

Razóns? A falta de sintonía entre o sistema educativo e a sociedade. O currículo escolar e a metodoloxía de traballo nos centros son as que estes alumnos e alumnas da sociedade do coñecemento precisan? A complexidade e o cambio son os rasgos que mellor definen os tempos que corren. Permanentemente bulen novas ideas e prácticas que converten en incertos e efémeros os saberes, os valores, as costumes e as crenzas que posuímos. As necesidades das persoas mudan decotío.

As novas tecnoloxías cambiaron substancialmente os hábitos culturais e de relación. A sociedade é cada vez máis diversa, con importantes desaxustes económicos e sociais; a natureza e o concepto da familia é diferente así como o seu compromiso coa educación e co profesorado. A personalidade do alumnado incorpora estes cambios e determina o seu xeito de actuar e responder. A súa diversidade convirtíuse en norma e xa non é unha excepción que deba ser asumida ou reconducida só polos especialistas. Si o sistema educativo non é quen de seguirlle os pasos aos vertixinosos cambios sociais, corremos o risco de quedármonos atrasados nesta carreira marcada polas novas tecnoloxías. Asisto a unha charla do conselleiro de Educación na que, parafraseando ao coordinador do informe Pisa, Andreas Schleider, dicía que temos alumnos/as do século XXI, profesorado de século XX e escolas do século XIX, e quizais esta sexa a fenda que explique, en boa medida, a falla de coordinación da que falabamos, a apatía e a desidia do noso alumnado, o desasosego do profesorado e a conseguinte conflictividade escolar.

Quizais necesitemos dunha maior adaptación ante a natureza dos retos e cambios actuais e debamos propoñérmonos obxectivos diferentes e máis satisfactorios no persoal. Atender ao alumnado de xeito máis personalizado (os rateos actuais posibilítano), reorganizando as aprendizaxes, o seguimento e a avaliación para desenvolver o seu potencial e facelos socialmente máis competentes, autónomos, capaces de usar as ferramentas interactivas e de relacionarse e comunicarse cos demais. Os medios tecnolóxicos, lonxe de apuntalar metodoloxías expositivas e tradicionais, deberían ser un elemento máis de uso común no proceso de ensinar, aprender e avaliar a unha xeración multimedia caracterizada por unha atención moi diversificada, que prefire a pequena recompensa inmediata ás grandes gratificacións a longo prazo, adicta ao saber compartido, que precisa dun teclado para atopar as solucións e para a que o texto non é máis que o complemento dunha imaxe. A dirección dos Centros, lonxe de seguirlle os pasos ao control externo do rendemento dos alumnos, ás xuntanzas rutineiras, á cultura do contido, do “ten que estudiar máis” e ao reforzo da autoridade, debería liderar e reconducir a nosa autonomía cara o desenvolvemento de proxectos educativos baseados en enfoques pedagóxicos e organizativos capaces de dar respostas as necesidades do seu alumnado, facilitando o traballo en equipo, a flexibilidade horaria, a dotación e uso de medios tecnolóxicos en tódalas aulas e os espazos de coordinación Tic e transmisión de experiencias metodolóxicas, en beneficio dunha formación continua de calidade necesaria para a súa integración na sociedade do coñecemento.

Imaxe: Profesor Potachov.